3.6.09

o que non existe

disertacións sobre o obtuso, ou cando cae a venda dos ollos e só queda ver o que hai.

con isto, venme á memoria o que dicía derrida (a propósito de khôra), “o que hai, non existe”; será por iso que non o vemos, ou mellor dito, será por iso que nos custa tanto enuncialo. Pero tamén aí, na imposibilidade da definición, é onde emerxe a oportunidade de redefinilo cada vez, de percibilo novamente ou dun novo xeito en cada contacto, porque o que hai non existe, por iso o intanxible é tan presente desde a súa ausencia; porque hainas, experiencias, sensacións, vivencias, memorias… pero non existen, só toman vida desde os nosos intentos de enunciación, de (re/de)limitación, de (des/re)territorialización constante; ao final iso é a política, iso é a vida, iso é enunciar, acordar enunciados, lindes, normas, camiños… que serven mentres as enunciacións colectivas ou incluso as individuais (que tamén mudan) conflúen; cando diverxen, estanse tecendo outros hais, ainda que tampouco existan; quizais non é tan importante a consistencia física real dos hais, penso que ésta é trasladada aos nosos corpos, que a materializamos coas nosas expresións físicas, verbais, xestuais….

o que hai non existe fóra da percepción, por iso materialízase en nós e a través nosa, abránguenos e o abranguimos. Atravesamos e somos atravesados polo que hai, polo que pasamos, polo que pasa, polo que pesa, polo que pensamos, como dicía nancy; ainda que non exista como algo asible.

é o fiar e refiar constante da nosa vida, é o ritmo que nos pauta a capacidade de aprehender e enxergar o que nos rodea.

o que hai é o que habitamos, é onde habitamos, é o que construimos habitando; é o que nos pasa, é o que nos pesa, é o que pensamos, pero que non podemos agarrar. E aquí venme á cabeza, de súpeto, aquel construir-habitar-pensar de heiddeger que era un todo un desde a raíz etimolóxica do alemán, e que ben pode explicar desde a connotación material da construción, o que significa (polo menos para min) este hai que non existe.

e así, coa connotación, regreso ao obtuso de barthes con que comecei, onde o despoxamento do que sobra deixa ver a redondez das cousas, a sinxeleza do que hai, que só pode ter lugar pola connotación desde cada un de nós. Esta connotación, é a materia das subxectividades persoais, individuais; e o refiado delas, é a xerga ou sustrato sobre a que nos movemos, é a nosa brúxula e polo tanto o mapa da nosa liberdade.


***