14.3.09

as palabras


Últimamente estiven pensando sobre a miña relación coas palabras, sobre o interese que sinto por elas e a influencia que poidan ter no meu xeito de pensar.

Por un lado gústame pensalas como obxectos, como o punto até o que consigues chegar cando tratas de expresar algo, pero deste xeito fican limitadas por sí mesmas, fican en sí, e isto era o que non remataba de convencerme, porque sempre penso que todo está relacionado, que todo flúe e que por máis que debuxemos límites, estes sempre son ficticios e o único que conseguen e fendela realidade.

Sen embargo hoxe, de casualidade, albisquei a relación que ten isto co outro xeito que teño de entendelas e que é o que me abraia delas, a súa capacidade de adaptación, de performación. E é que, precisamente por non ser obxectos físicos, teñen unha vantaxe que as aproxima máis á realidade que eu disfruto, teñen movemento, o conteñen; tanto formalmente cando xurde unha nova (aí aparece como concepto, como obxecto conformado), como o que máis me interesa, en sí son cambiantes, mudan con cada persoa e sobre todo mudan en cada persoa, flúen en nós, co tempo, co uso, imos incorporándollelas nosas aprendizaxes, imos dándolles fondura, e elas son quen de acubillar todala nosa experiencia no seu interior. Deste xeito, enriquecen o noso pensar, a nosa capacidade de expresalas dándolles sustancia á nosa fala. Non son estáticas, están vivas e colaboran no noso enxergamento do mundo e na nosa forma ir tecendo a idea que del temos.

Ademáis de compartilas cos outros ao permitirnola comunicación verbal, o contacto falado; individualmente, mantemos nelas (ou a través delas) un contacto interior con nós mesmos en transformación constante.

Sei que semella unha obviedade, pero para min é un matiz importante, porque algo estático é limitado, é unha instantánea dun intre calquera do noso pensar ou da nosa vida; nembargantes, algo móbil, dinámico, en construcción continua, pode contela nosa vida, transformarse con ela e sernos útil como ferramenta para comunicarnos, para sobrevivir.
.