29.3.09

cultivar é habitar a distancia

.

A cultura é unha interpretación da realidade, a nosa, e a través da historia escrita e física chega até nós a cultura dos nosos antergos, é dicir, outras interpretacións (de pensamento, arte, arquitectura, de xeitos de vida, culturas socioeconónicas...), porque ela é a adaptación ao medio para a supervivencia; unha interpretación del e a resposta que somos quen de dar. Por iso entendo que a cultura está na vida, é a nosa forma de vivir.

Para min a cultura non deixa de ser un entretecido de relacións (físicas, intelectuais e emocionais), persoais e compartidas, construídas e elaboradas no tempo para acadar liberdade de movemento e o acubillo das referencias no inabarcable do mundo e da vida.

É algo en transformación constante, constrúe o futuro, o fai presente.

É a constante redefinición e reinterpretación dos límites, a súa (de/re)construcción, é o proceso de convertilos en limiares, en espacios de relación, en lugares habitados. Cultivar é transformar e habitar ao mesmo tempo eses limiares entre cada un de nós e o outro. Cultivar é habitar a distancia.

Ás veces esas distancias precisan ser cultivadas por máis dunha persoa para poder redefinir os límites e poder ser habitada, nese intre abrolla a cultura social.

Cultivar é habitar a distancia, é habitar a diferencia, por iso cultivamos unha amizade, un afecto (a distancia entre nós e o outro); un campo ermo (a distancia entre nós e o alimento); cultivamola arte, a linguaxe…, a comunicación (a distancia entre as nosas percepcións e as nosas posibilidades de expresar e codificalo que sentimos)…

A cultura é a construcción e perfeccionamento da comunicación para a supervivencia; é a transformación da incomunicación nun lugar de encontro, de referencia e de protección; é convertila desorientación no acougo que aporta o discernimento, na liberdade de decisión.

Por iso a cultura nos libera, porque nos permite interpretar e decidir. Permítenos sobrevivir, transformándonos, sen deixar de ser quen somos.

.